Friday 19 de April de 2024

Muxía, Vimianzo e Camariñas presentan o obradoiro de emprego: ‘Camiño ao emprego’


O obradoiro deu comezo hoxe e no encontro estiveron presentes o alcalde de Muxía, Iago Toba, a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.

Iago Toba, Sandra Insua e Mónica Rodríguez presentaron hoxe, en Muxía, o segundo obradoiro de emprego conxunto que desenvolveran estas tres administracións para darlle oportunidades laborais á súa veciñanza.
No encontro tamén participaron os Axentes de Desenvolvemento Local (ADL) dos respectivos municipios, que expuxeron os contidos do programa de cada unha das dúas especialidades que se levarán a cabo no marco desta iniciativa: ‘Promoción turística local e información ao visitante’ e ‘Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes’.
O obradoiro, que deu comezo hoxe, terá unha duración de 9 meses, e conta cun total de 20 prazas, 12 nas actividades correspondentes á conservación e mellora de montes e 8 na promoción turística local e información ao visitante.
Os rexedores e rexedoras destes municipios destacaron que “non dubidaron en unir forzas para conseguir algo que é moi beneficioso para os veciños e veciñas das súas localidades, xa que tamén serve para frear o éxodo cara as cidades”.
Obradoiro de emprego dual
O alumano poderá acadar un contrato laboral unha vez rematado o obradoiro. Serán, por tanto, 9 meses con posibilidade, se as empresas o solicitan, de optar a un contrato laboral. Muxía, Vimianzo e Camariñas conseguiron unha subvención de 346.846,05 euros para levar a cabo o programa de emprego, baixo o sobrenome de “Camiño ao emprego”. Este é un programa mixto de emprego e formación, dirixido a mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional das persoas desempregadas de 18 ou máis anos de idade.

A formación recibida vai dirixida á obtención dun certificado de profesionalidade, neste caso trátase dun certificado de nivel 1 coa especialidade de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes
e un certificado de nivel 3 coa especialidade de promoción turística e información ao visitante.
Entre outras moitas, levaranse a cabo tarefas de deseño e elaboración promocional dos tres concellos, actualización das bases de recursos turísticos do territorio e deseño de novos produtos turísticos.